E ti de quen vés sendo??

Chámome Tareixa e desfruto cociñando e tecendo.
A cociña aprendina de todas as mulleres (e algún home) coas que medrei: avoas, avó, tías, padriño,veciñas e compañeirxs de piso.
Aprendín a calcetar da miña avoa, ao longo desas tardes no hospital coidando a unha da outra.
Miña tía Elena tentou ensinarme a ganchillar hai moitos anos, pero como son zurda e collo o ganchillo coa esquerda poñíase super nerviosa e non era quen de ensinarme, así que non aprendín ata hai relativamente pouco (xuño do 2012) vendo videos do youtube e pensando como pasar eses movementos á man "sinistra"...e desde esa non parei de ganchillar!!!

6 may. 2014

Feira da primavera 2014...con sorteo!!!

O pasado sábado 3 tivo lugar a feira da primavera no barrio de San Pedro, para mi é unha festa especial xa que significa o pistoletazo da saída do bo tempo, a tempada das feiras e festivais....é promesa de que o verán está por vir.



A esta feira levamos o noso postiño cargado de cousas ricas: brownie á guiness, porquiños preñaos, nubes caseiras.... ademáis de estrear un expositor superchulo que fixo meu irmán!!

Velaí unha foto do que levamos á feira:


Como queremos promocionarnos nas redes, ocurriusenos facer un sorteo entre todas as persoas que publicasen fotos ou comentarios cos nosos produtos, ben no facebbok, ben no twitter.

Velaí as fotos participantes:

Carmen González

 Carmen Salgueiro

 Eire Jasnerki

 Nacho Uve

 Rocío Rey

Ana Oliveira

Lar Xestión

E chegou o momento do sorteo!!! que nervos!!! Para que non se nos acuse de tongo nin nada polo estilo, gravamos todo o prceso, ao estilo UEFA (pero sen chanchullos como fan eles). Eis o vídeo!!



Parabéns Eire!!! ponte en contacto con nós para que che fagamos a tarta!!!

28 dic. 2013

Fajitas de polo e cacao

  (obradoiro de produtos de comercio xusto)

Hoxe tiven o pracer de dirixir un obradoiro de cociña para promover o uso da panela e o cacao de comercio xusto. Esta foi unha iniciativa conxunta de Panxea e de Amarante Setem, dúas cooperativas de consumo de Compostela e ás que lles estarei eternamente agradecida por confiar en min para colaborar nestes eidos.

O obradoiro levouse a cabo no local da asociación As Brañas de Andrés  á que tamén hai que agradecer que nos deixase a súa super cociña.

Como xa dixen, os ingredientes protagonistas deste obradoiro foron a panela e o cacao, polo que aprendimos a facer confitura de pementos caramelizados (do que xa publiquei a receita aquí), as fajitas, e outras receitas que podedes ver no cartaz da actividade e das que prometo subir receitas en breve.

Imos ao tema, non?? comezamos cos ingredientes das fajitas:
  • 2 peitugas de polo *
  • 1 pemento verde *
  • 1 pemento vermello*
  • 1 cebola mediana*
  • 2-3 culleradas de cacao de comercio xusto
  • 2-3 culleradas de tomate frito*
  • 1 jalapeño
  • sal e pementa
  • tortillas compradas ou fariña Maseca, auga e sal se decidimos facelas nós
* (De gandeiría/agricultura ecolóxica ou produción local)




En primeiro lugar, imos coas tortillas. Pódense mercar ou facer a man. Se optades por mercalas (hainas de cen mil marcas) tan só teredes que quentalas nunha tixola ou prancha antes de comer. 

Facelas non é difícil, pero se non temos a prensa para tortillas que usan en México vainos dar un pouco máis de traballo. A prensa é unha ferramenta que axuda a que as tortillas queden redondiñas e ben finas, pode ser de metal ou de madeira e ten formas variadas.

E se non a temos?? tranquilidade!! podemos poñer as boliñas entre dúas follas de film ou papel de forno,aplastalas cun prato ou a bandexa do forno e pasarlles despois a rebola para que queden finiñas, e se queremos que saian perfectamente redondas as repasamos cun aro ou prato de postre.

Para a súa realización tan só hai que seguir as instrucións do paquete de fariña Maseca, é unha fariña de millo precocido que se comercializa en paquetes de 2 kilos. En Compostela pode mercarse no Froiz, no Aquí é ou no Corte Inglés (e de seguro que nalgún lugar máis). O paquete ronda os 7 euros, pero dá para moooitas tortillas, así que paga a pena.
Velaí o paquete 


O procedemento é sinxelo: mesturar a fariña coa auga e o sal, facer boliñas, prensalas e facelas na tixola polas dúas caras sen que cheguen a tostarse. Ao retiralas do lume convén gardalas nun bol tapadas cun pano para que non enfríen. Tende en conta que se as facemos nós, o tamaño ideal non é como as mercadas (iso é cousa de gringos, como di o meu amigo mexicano Javi) son máis pequenas, dunha cuarta de diámetro como máximo.



Procedemos pois a facer o recheo. Picamos a cebola en rodelas finiñas e os pementos en tiras.


Pochamos as verduras, e cando xa estén engadimos o polo en tiras finas e salpimentamos.



Cando o polo esté  feito engadimos un jalapeño ben picado. Este ingrediente é opcional, pero eu considero que lle dá un toque super rico. Para os que non sexades amantes do picante: non vos preocupedes, o jalapeño dálle un toque moooi suave. Aos que lles guste o picante: botádelle dous, ou mellor aínda, probade a botarlle chile chipotle. 
Estes chiles podedes mercalos en latiñas no mesmo sitio onde merquedes a fariña. Rondan o euro e medio e se os trasvasades co líquido a un bote de cristal consérvanse moi ben na neveira durante bastante tempo. A marca que adoitamos mercar é esta (porque é a única que hai).



 Unha vez engadido o jalapeño picado ben miudiño (con sementes e todo), engadimos o cacao e o tomate, entre 2 e 3 culleradas de cada, ata que tinxan toda a mestura. Remexemos ben, deixamos facer uns minutiños e apagamos o lume.


E xa están listas para comer!! botade o recheo dentro dunha tortilla, doblade e á boca!!! 













4 dic. 2013

Confitura de pementos caramelizados

Levo unha eternidade sen escribir nada, non teño perdón, pero andiven con cambios laborais e cen mil historias. Comeza a chegar a estabilidade e xa podo publicar cousiñas.


 A de hoxe é unha receita salgada super sinxela que aprendín hai uns anos da man do meu padriño e que dende esa sempre nos acompaña nas festas, competindo co salmón mariñado da madriña no momento dos entrantes.

Nós comémolo sobre pan tostado con queixo de untar, pero vós podedes probar outras combinacións. 




INGREDIENTES:
  • Tres pementos vermellos grandes.
  • Un vaso de auga.
  • Un vaso de vinagre de Módena.
  • Un vaso de azucre moreno ou panela.

PREPARACIÓN:
Lavar e quitar as sementes dos pementos. Picalos moi miudiños, eu uso a picadora porque, sinceiramente, a man non me saen tan ben picados.



Botar nunha cacerola os pementos picados, a auga, o azucre e o vinagre. Deixar ao lume e ir remexendo cada pouco para que non se pegue. Os pementos acabarán reducindo e poñéndose dunha cor escura (como a das picotas). Cando se evapore o líquido e teña aspecto de confitura (30-45 min, dependendo do lume) retírase do lume.


Só resta encher os botes, previamente esterilizados, e poñelos a facer o vacío: cubrir de auga e deixar ferver uns 25 minutos, deixando enfriar dentro da auga.


Botar sobre tostas untadas previamente con queixo. Comprobaredes que ten un sabor intenso, entrando en xogo o doce e o toque ácedo do vinagre. Xa me contaredes!!

19 mar. 2013

Tarta "Cocha"


   O outro día foi o cumple de Martola e alá que me fun ata Coruña cunha tarta para ela (e de paso estrear o "transportín" para tartas que merquei o outro dia no LIDL e do que estou encantada). A tarta gustoulle a todo o mundo e a decoración inda máis (hei de dicir que a idea dos porcos non foi miña, alguén me mandou esa foto un dia polo facebook).
   Esta delicia ven sendo un biscoito de chocolate recheo de amorodos con nata e unha decoración de chocolate de cobertura, kit-kats e bonequiños de mazapán. Queredes facela???? pois velaí a explicación:

    INGREDIENTES:

Para o biscoito:
  • 4 ovos
  • 1 vaso de azucre
  • 1 culleradiña de esencia de vainilla (opcional)
  • 2 vasos de fariña
  • 1 vaso de aceite
  • 1 vaso de leite
  • 3 culleradas sopeiras de cacao puro (se non o tedes, vale perfectamente colacao)
  • 2 culleradiñas de levadura tipo royal
  • Manteiga ou aceite para engraxar o molde.
Para o recheo:
  • 500 gr de amorodos
  • 300 ml de nata para montar
  • 4 culleradas sopeiras de azucre
  • 1 culleradiña de vinagre 
Para a decoración:
  • Unha tableta de chocolate para doces (eu uso o de LIDL)
  • Un pouco leite
  • 1 cullerada de manteiga ou margarina
  • Kit-kats
  • 75 gr de améndoa moída
  • 75 gr de puré de patacas en pó
  • 150 gr de azucre glass
   Mans á obra!!! comezamos co biscoito. O truco para que os biscoitos saian esponxosos non é máis que botar sempre ás claras a punto de neve no último lugar e tamizar a fariña aos poucos, e a ser posible que os ingredientes estén sempre a temperatura ambiente (ovos, leite...) 
   O primeiro de todo é separar as xemas das claras e mezclar as xemas co azucre. Hai que remexer ben, ata que quede unha pasta homoxénea.


                                   
   A continuación, engadimos o vaso de leite e de aceite. Eu para cociñar uso aceite de oliva virxe da cooperativa do pobo do meu pai (que é de Jaén) e ese non vale para os biscoitos porque sabe moito, así que eu lle botei de xirasol que era o outro que tiña na casa. Se usades aceite de oliva normal válevos perfectamente para esta receita.
   Unha vez mezclado todo, botámoslle a esencia de vainilla (é opcional). Despois vai a fariña, o cacao (xa vos digo que vale colacao ou nesquick se non tedes cacao puro) no tamiz e imos polvillando aos poucos sobre a mezcla batindo ben, ata que esté ben ligado. Respecto ao tamiz, nas ferreterías hainos, e en tendas especializadas, pero son bastante caros (máis de 12 euros) eu merqueino en Ikea por moito menos.
   Montamos as claras a punto de neve firme e as incorporamos á masa con movementos envolventes, tratando de que quede ben ligado pero sen que baixe moito de volume. Debería quedarvos algo así (a foto non e boa, xa o sei)
   Por último, engraxamos o molde a empregar e ao forno!! Se podedes regular a temperatura poñédeo a 180º, o meu é dos antigos de gas, así que o poño na opción de lume forte. Tardará sobre uns 30-45 min, dependendo do forno. Comprobade cun palillo, cando pinchedes ata o fondo e saia limpo, sen nada pastoso pegado, é que xa está. Deixamos enfriar o biscoito para poder cortalo.

   Agora imos coa primeira parte do recheo: os amorodos. Hai que lavalos e cortalos en anaquiños. Pódense poñer xa así, sen facerlles nada, pero eu prefiro maceralos un pouquiño, están máis brandos, máis saborosos e parte do prebe que soltan sérvenos para emborrachar o biscoito. Como se fai?? ben sinxelo: poñemos os amorodos cortados nun bol e botámoslle unha cullerada de azucre e unha culleradiña, das de sobremesa, de vinagre branco. Deixámolas macerar a temperatura ambiente.

   Mentres, podemos ir facendo os adornos. Eu fixen porquiños, pero o mazapán vale para facer calquer figuriña e unha vez feita a pasta é moi doada de modelar, como a plastilina, así que podedes deixarlle ese traballo ás vosas pequechas e pequechos.                     
Tradicionalmente o mazapán faise coa mesma cantidade de améndoa que de azúcar e as claras para ligar a pasta. Así sae bastante caro, con moito sabor a améndoa e non é tan doado de modelar. Como non imos facer mazapán en si, só uns bonequiños, botamos a metade de améndoa moída e a outra metade de puré de patacas (o de paquetillo do super). Podedes ter que precisar máis azucre, dependendo da cantidade de clara que teña o ovo, botade ata que a pasta se vos despegue das mans e se poda manexar como a plastilina.
   Coidado co colorante!! non botedes máis ata amasar ben e ver que está toda a cor uniforme, do contrario podedes pasarvos e vos sairán uns porcos radiactivos!! (a min bastoume con dúas pinguiñas de vermello)

   Deixamos os porcos nun prato para que sequen a temperatura ambiente (eu ás veces os fago o día anterior para que logo estén un pouquiño máis duros e non se espachurren ou esmaguen no transporte ou na colocación). Se vos sobra pasta, facede unha bola, tapádea con film e metédea na neveira; dura bastante. Tamén podedes facer unhas figuriñas de mais e papalas en boa compaña!! :)

   Voltamos ao recheo. Montamos a nata coas 3 culleradas de azucre (isto é un pouco ao gusto, eu non lle boto moito azucre) e mezclamos cos amorodos e o xarope que soltaron (eu reservo un pouquiño para regar o biscoito). Reservamos na neveira ata que faga falta.

   Chegou o momento de cortar o biscoito. Ten que estar frío para que quede ben (teño destrozado moitos por impaciente). Pódese cortar cun coitelo, pero eu emprego unha lira, unha ferramenta moi útil e que merquei no Ikea nun pack xunto cunha espátula longa para untar os recheos nos biscoitos e unha pala triangular para servir as tartas (cousas que uso un montón e que sairon moi ben de prezo). Podedes ver como se emprega a lira pinchando aquí
   Unha vez feitas as capas desexadas podemos regalas un puco para que quede máis xugosiño. Se vai haber peques o mellor é mezclar un pouco do prebe dos amorodos con auga (e se queredes un pouco máis de sucre) e quentalo para facer un almíbar. Se é para adultos podedes botarlle ao xarope de amorodos un pouquiño licor ao gusto. Despois disto, botamos o recheo e pechamos.

Para a cobertura, derretimos o chocolate (ao baño maria ou no micro) e lle engadimos a manteiga e un pouquiño leite. Imos empregar isto para cubrir a tarta e para pegar os kit-kats ao borde. Eu precisei uns 12 kit-kats para a tarta, pero dependerá do molde que empreguedes.

   Unha vez pegados todos, botamos o choclate de cobertura e colocamos os cochos e para a neveira ata que haxa que comela!!!

A nós encantounos!!! Só que houbo quen se pelexou por comer os porcos (ben bos que estaban) e houbo que deixar o porco estomballado á rapaza de aniversario!! 

   Probade a facela!!! e quen a faga que lle saque foto e ma poña no facebook de Rebola e lá

18 feb. 2013

Bonecos de Star Wars

  Frikis de Compostela e arredores!!! Ide aforrando uns cartiños porque en breve veredes as miñas novas creacións: personaxes de Star Wars!!!
  Grazas aos "beneficios" do mes pasado animeime a adquirir os patróns de Lucy Ravenscar para poder facer estes bonecos. Están todos: Leia, Han Solo, R2D2, C3PO, Darth Vader, Ewoks,o Almirante Ackbar.... Son superchulos e teñen un tamaño xeitoso e xa comecei a facelos.
  Déixovos unha foto da autora dos patróns para facervos as ganas, en breve poñerei as miñas!!!







9 feb. 2013

Flores de entroido

  Ainda que as flores son parte das sobremesas típicas do entroido na Galiza, non son tan populares como as filloas ou as orellas. Moita xente me ten dito que só as ve nas vitrinas dalgunhas pastelerías pero que nunca as probaron. Comparto con vós a receita por se non vos apetece pagar por elas na pastelería (1 euro a unidade, pero de que van??).
  Non son difíciles de facer, só compre ter un pouco de paciencia para que o ferro queza ben de cada vez. Eu para apurar un pouco máis uso dous ferros.


INGREDIENTES (para unhas 30 flores)
  • 4 ovos
  • 280gr de fariña
  • 1 vaso de leite
  • Media taciña de aceite
  • Media taciña de anís
  • Azúcar glass e canela en pó
  • Aceite de xirasol para fritir.


  PREPARACIÓN:
  Batimos os ovos e lle engadimos a fariña aos poucos, farase unha pasta moi espesa (case parece masa), cando esté ben mesturada engadimos o aceite, o anís e o leite.

  Poñemos abundante aceite de xirasol nunha tixola grande e metemos o ferro especial para as flores. Esperamos a que queza bastante e o mergullamos na pasta, saberemos que o ferro ten a temperatura axeitada cando ao metelo na pasta escoitemos unha especie de shhhhh (como cando queimamos algo). Moito coidado aquí, só se mete o ferro ata a metade, se o mergullamos de todo a pasta fritirase arredor de todo o ferro (a modo de camisa) e non seremos quen de despegala despois. 

  Coa pasta pegada ao molde, pasámolo á tixola e seguimos suxeitándolo sen que toque o fondo da mesma. Sairán moitas burbullas polo centro da flor, cando estas baixen será o momento de despegar a flor con un garfo e deixar que se siga facendo por ese lado. Deixamos o ferro dentro da tixola para que colla temperatura para facer a seguinte flor. Dámoslle a volta á flor para que se doure polo outro lado e colocámola nunha fonte con papel absorbente (despois pasarémola a outra fonte e polvillaremos azúcar glass e canela por encima). Repetimos ata acabar a pasta.
Animádevos a facelas que saen super ricas!!! Se tedes algunha dúbida preguntade e se as facedes mandádeme foto ao facebook, por favor!!

3 feb. 2013

Coxíns para informático




   Hai uns meses vin estes coxíns nun episodio de "Dos hombres y medio" e decidín que sería o agasallo perfecto para un dos meus irmáns. 
   Como ben di o refrán "na casa do ferreiro, coitelo de pau" e por mor dos encargos o agasallo de Nadal do meu irmanciño viuse un pouco demorado (menos mal que el é comprensivo), pero por fin llo puden dar este fin de semana.....nin que dicir ten que lle encantou!!!

   Así que xa sabedes, se tendes que facerlle un cariño a un ou unha friki da informática...encargádeme uns coxíns coma estes!!