E ti de quen vés sendo??

Chámome Tareixa e desfruto cociñando e tecendo.
A cociña aprendina de todas as mulleres (e algún home) coas que medrei: avoas, avó, tías, padriño,veciñas e compañeirxs de piso.
Aprendín a calcetar da miña avoa, ao longo desas tardes no hospital coidando a unha da outra.
Miña tía Elena tentou ensinarme a ganchillar hai moitos anos, pero como son zurda e collo o ganchillo coa esquerda poñíase super nerviosa e non era quen de ensinarme, así que non aprendín ata hai relativamente pouco (xuño do 2012) vendo videos do youtube e pensando como pasar eses movementos á man "sinistra"...e desde esa non parei de ganchillar!!!

29 ene. 2013

"Quen entrega nun día?" -"Amazon entrega nun día"

Esta conversa sae nun capítulo de The Big Bang Theory, cando os rapaces deciden botarlle unha man a Penny co seu negocio das Pennyflores.
Lembreime desta frase hoxe xa que, por primeira vez, rematei un pedido nese tempo: onte á noite mandáronme un whatsapp e hoxe á tardiña xa o puden entregar, a destinataria non podía e llo terei que dar mañán, pero iso non conta :)

O pedido era duns mitóns vermellos (a foto non é moi boa, xa o sei) e hoxe todo púxose ao seu favor para que os puidese rematar: un tren con retraso, máis tempo do normal despois de comer e antes de voltar ao curro e outro tren de volta (este sen retraso); hoxe ganchillei máis rápido que nunca!!! e iso que os luns non son días para poñerse a traballar.

Así que....quen entrega nun día?? Rebola e lá entrega nun día....agora só espero que a Convención de gays e lesbianas de Hawaii non me encargue 1000 mitóns ;)

25 ene. 2013

Ganchillar con "Horquilla"

Pois resulta que sempre estiven intrigada en como era iso da "horquilla", máis cando me dixeron que era un dos métodos empregados para facer os flecos das gaitas. Preguntei a xente que coñezo que fai crochet e ninguén manexaba aquilo. Un día que estaba en Padrón fun mercar unhas agullas a Xosefa Lencería e dixéronme que os sábados á tardiña daban clases de horquilla, e alá me fun!!!
Ademais de pasar unha tarde agradable consenguín aprender a manexar a horquilla e facer varias mostras de diversos puntos e modos de enganche. Xa na casa dinlle duro para facer un foulard para min...si!! para min!!! facía ben tempo que non me agasallaba con algo.
E aquí o resultado!!



23 ene. 2013

Bailador e bailadora de corpo xeitoso


Estes son os galeguiños tradis que fixen ultimamente para unhas veciñas. Se tendes que facer un presente a algún ou algunha folki estes bonecos son unha boa idea, ademais pódense personalizar: cor de pelo, de ollos, traxe, cunha pandeireta na man (ou gaita, tamboril....)

6 ene. 2013

Coelliño azul

Coelliño de cor azul cunha cenoura na man, ideal para os cativiños da casa. Patrón sacado do blog de amigurumies (con algunha modificación miña)