E ti de quen vés sendo??

Chámome Tareixa e desfruto cociñando e tecendo.
A cociña aprendina de todas as mulleres (e algún home) coas que medrei: avoas, avó, tías, padriño,veciñas e compañeirxs de piso.
Aprendín a calcetar da miña avoa, ao longo desas tardes no hospital coidando a unha da outra.
Miña tía Elena tentou ensinarme a ganchillar hai moitos anos, pero como son zurda e collo o ganchillo coa esquerda poñíase super nerviosa e non era quen de ensinarme, así que non aprendín ata hai relativamente pouco (xuño do 2012) vendo videos do youtube e pensando como pasar eses movementos á man "sinistra"...e desde esa non parei de ganchillar!!!

4 dic. 2013

Confitura de pementos caramelizados

Levo unha eternidade sen escribir nada, non teño perdón, pero andiven con cambios laborais e cen mil historias. Comeza a chegar a estabilidade e xa podo publicar cousiñas.


 A de hoxe é unha receita salgada super sinxela que aprendín hai uns anos da man do meu padriño e que dende esa sempre nos acompaña nas festas, competindo co salmón mariñado da madriña no momento dos entrantes.

Nós comémolo sobre pan tostado con queixo de untar, pero vós podedes probar outras combinacións. 




INGREDIENTES:
  • Tres pementos vermellos grandes.
  • Un vaso de auga.
  • Un vaso de vinagre de Módena.
  • Un vaso de azucre moreno ou panela.

PREPARACIÓN:
Lavar e quitar as sementes dos pementos. Picalos moi miudiños, eu uso a picadora porque, sinceiramente, a man non me saen tan ben picados.



Botar nunha cacerola os pementos picados, a auga, o azucre e o vinagre. Deixar ao lume e ir remexendo cada pouco para que non se pegue. Os pementos acabarán reducindo e poñéndose dunha cor escura (como a das picotas). Cando se evapore o líquido e teña aspecto de confitura (30-45 min, dependendo do lume) retírase do lume.


Só resta encher os botes, previamente esterilizados, e poñelos a facer o vacío: cubrir de auga e deixar ferver uns 25 minutos, deixando enfriar dentro da auga.


Botar sobre tostas untadas previamente con queixo. Comprobaredes que ten un sabor intenso, entrando en xogo o doce e o toque ácedo do vinagre. Xa me contaredes!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario