E ti de quen vés sendo??

Chámome Tareixa e desfruto cociñando e tecendo.
A cociña aprendina de todas as mulleres (e algún home) coas que medrei: avoas, avó, tías, padriño,veciñas e compañeirxs de piso.
Aprendín a calcetar da miña avoa, ao longo desas tardes no hospital coidando a unha da outra.
Miña tía Elena tentou ensinarme a ganchillar hai moitos anos, pero como son zurda e collo o ganchillo coa esquerda poñíase super nerviosa e non era quen de ensinarme, así que non aprendín ata hai relativamente pouco (xuño do 2012) vendo videos do youtube e pensando como pasar eses movementos á man "sinistra"...e desde esa non parei de ganchillar!!!

18 feb 2013

Bonecos de Star Wars

  Frikis de Compostela e arredores!!! Ide aforrando uns cartiños porque en breve veredes as miñas novas creacións: personaxes de Star Wars!!!
  Grazas aos "beneficios" do mes pasado animeime a adquirir os patróns de Lucy Ravenscar para poder facer estes bonecos. Están todos: Leia, Han Solo, R2D2, C3PO, Darth Vader, Ewoks,o Almirante Ackbar.... Son superchulos e teñen un tamaño xeitoso e xa comecei a facelos.
  Déixovos unha foto da autora dos patróns para facervos as ganas, en breve poñerei as miñas!!!







9 feb 2013

Flores de entroido

  Ainda que as flores son parte das sobremesas típicas do entroido na Galiza, non son tan populares como as filloas ou as orellas. Moita xente me ten dito que só as ve nas vitrinas dalgunhas pastelerías pero que nunca as probaron. Comparto con vós a receita por se non vos apetece pagar por elas na pastelería (1 euro a unidade, pero de que van??).
  Non son difíciles de facer, só compre ter un pouco de paciencia para que o ferro queza ben de cada vez. Eu para apurar un pouco máis uso dous ferros.


INGREDIENTES (para unhas 30 flores)
  • 4 ovos
  • 280gr de fariña
  • 1 vaso de leite
  • Media taciña de aceite
  • Media taciña de anís
  • Azúcar glass e canela en pó
  • Aceite de xirasol para fritir.


  PREPARACIÓN:
  Batimos os ovos e lle engadimos a fariña aos poucos, farase unha pasta moi espesa (case parece masa), cando esté ben mesturada engadimos o aceite, o anís e o leite.

  Poñemos abundante aceite de xirasol nunha tixola grande e metemos o ferro especial para as flores. Esperamos a que queza bastante e o mergullamos na pasta, saberemos que o ferro ten a temperatura axeitada cando ao metelo na pasta escoitemos unha especie de shhhhh (como cando queimamos algo). Moito coidado aquí, só se mete o ferro ata a metade, se o mergullamos de todo a pasta fritirase arredor de todo o ferro (a modo de camisa) e non seremos quen de despegala despois. 

  Coa pasta pegada ao molde, pasámolo á tixola e seguimos suxeitándolo sen que toque o fondo da mesma. Sairán moitas burbullas polo centro da flor, cando estas baixen será o momento de despegar a flor con un garfo e deixar que se siga facendo por ese lado. Deixamos o ferro dentro da tixola para que colla temperatura para facer a seguinte flor. Dámoslle a volta á flor para que se doure polo outro lado e colocámola nunha fonte con papel absorbente (despois pasarémola a outra fonte e polvillaremos azúcar glass e canela por encima). Repetimos ata acabar a pasta.
Animádevos a facelas que saen super ricas!!! Se tedes algunha dúbida preguntade e se as facedes mandádeme foto ao facebook, por favor!!

3 feb 2013

Coxíns para informático




   Hai uns meses vin estes coxíns nun episodio de "Dos hombres y medio" e decidín que sería o agasallo perfecto para un dos meus irmáns. 
   Como ben di o refrán "na casa do ferreiro, coitelo de pau" e por mor dos encargos o agasallo de Nadal do meu irmanciño viuse un pouco demorado (menos mal que el é comprensivo), pero por fin llo puden dar este fin de semana.....nin que dicir ten que lle encantou!!!

   Así que xa sabedes, se tendes que facerlle un cariño a un ou unha friki da informática...encargádeme uns coxíns coma estes!! 

29 ene 2013

"Quen entrega nun día?" -"Amazon entrega nun día"

Esta conversa sae nun capítulo de The Big Bang Theory, cando os rapaces deciden botarlle unha man a Penny co seu negocio das Pennyflores.
Lembreime desta frase hoxe xa que, por primeira vez, rematei un pedido nese tempo: onte á noite mandáronme un whatsapp e hoxe á tardiña xa o puden entregar, a destinataria non podía e llo terei que dar mañán, pero iso non conta :)

O pedido era duns mitóns vermellos (a foto non é moi boa, xa o sei) e hoxe todo púxose ao seu favor para que os puidese rematar: un tren con retraso, máis tempo do normal despois de comer e antes de voltar ao curro e outro tren de volta (este sen retraso); hoxe ganchillei máis rápido que nunca!!! e iso que os luns non son días para poñerse a traballar.

Así que....quen entrega nun día?? Rebola e lá entrega nun día....agora só espero que a Convención de gays e lesbianas de Hawaii non me encargue 1000 mitóns ;)

25 ene 2013

Ganchillar con "Horquilla"

Pois resulta que sempre estiven intrigada en como era iso da "horquilla", máis cando me dixeron que era un dos métodos empregados para facer os flecos das gaitas. Preguntei a xente que coñezo que fai crochet e ninguén manexaba aquilo. Un día que estaba en Padrón fun mercar unhas agullas a Xosefa Lencería e dixéronme que os sábados á tardiña daban clases de horquilla, e alá me fun!!!
Ademais de pasar unha tarde agradable consenguín aprender a manexar a horquilla e facer varias mostras de diversos puntos e modos de enganche. Xa na casa dinlle duro para facer un foulard para min...si!! para min!!! facía ben tempo que non me agasallaba con algo.
E aquí o resultado!!



23 ene 2013

Bailador e bailadora de corpo xeitoso


Estes son os galeguiños tradis que fixen ultimamente para unhas veciñas. Se tendes que facer un presente a algún ou algunha folki estes bonecos son unha boa idea, ademais pódense personalizar: cor de pelo, de ollos, traxe, cunha pandeireta na man (ou gaita, tamboril....)

6 ene 2013

Coelliño azul

Coelliño de cor azul cunha cenoura na man, ideal para os cativiños da casa. Patrón sacado do blog de amigurumies (con algunha modificación miña)